miércoles, 31 de agosto de 2016

EN SILENCIO E DEVAGARIÑO


            Seica aumentou o turismo que nin o demo. E porque a inmensa maioría non coñece Baños de Molgas. Que se o coñeceran xa veriades vós! O problema de Baños de Molgas é que está mal publicitado. Nunca destacou por saír nos medios. Asoma nos xornais de Pascuas a Ramos e, para máis aquel, cando asoma... ás veces non é para ben. Certo, o caso é traballar ben, facer cousas na vila e nas aldeas da vila, pero, quen sabe diso? Andar de boca en boca non é tan rápido coma, por exemplo, na prensa escrita.
Hai concellos que só que se varra un cacho dunha beirarrúa, xa se pregoa o asunto por todos os medios escritos e falados. O noso, con toda a potencia turística que ten, camiña en silencio e devagariño polas corredoiras dos medios de comunicación. Houbo arranxos no casco vello e souben deles cando remataron e mo contaron. Hai concellos que publicitan con moito bombo a simple limpeza dun metro cadrado de tal ou cal xardín ou parque. Nós temos o mellor parque do mundo mundial e universal e, si, claro que se limpou, pero se saíse nos xornais con algunha que outra fotiño, eh, que vos parece? Ai, ai, ai, que non sabemos vender o noso concello. Eu xa procuro iniciar as miñas cousiñas no feisbuq cun titular rechamante: “Desde Baños de Molgas para o mundo universal”, por aquilo das amizades feisbuquianas espalladas por toda a xeografía, pero hoxe en día tan só me len catrocentos e pico. Un xornal dá para máis, para moito máis. Sería bonito que alguén se encargase das relacións públicas.


            Café Paladium da Valenzá. Mércores, 31 de agosto de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario