martes, 30 de agosto de 2016

ASÍ PASARON A TARDE


            Clotilde Araújo díxolle ó seu home que pola tarde tiña que ir ó centro da cidade, que se a acompañaría ou non? E logo a que vas?, quixo saber Salustiano Garapato. Ó médico. Ai, muller, pois claro que te acompaño, pero aínda hai tempo para botar unha sesta, verdade? Si oh; se ata as sete menos cuarto non teño a cita. E Clotilde Araújo marchou a estomballarse no sofá para ver a Telecinco, mentres que Salustiano Garapato fun correndiño para a cama a dar unhas cabezadas. Á cidade marcharon no autobús porque no coche empezaron a pensar no aparcamento e deulles pereza o andar buscando, e se o tiñan que meter nun aparcadoiro... vaiche boa!, sae moito máis barato o autobús.
Colleron o das seis, baixo un sol de moitos raios. Mais tan axiña como entraron no bus, raio!, daba gusto: o aire acondicionado a tope. Como lles sobraba tempo para a cita médica, foron moi devagariño, é dicir, Clotilde Araújo ollando escaparate tras escaparate e Salustiano Garapato desesperándose en cada escaparate. Aínda tiveron un bo cacho para sentar nunha praza da cidade, a que lindaba co lugar da consulta. A tal consulta semella que foi vento en popa, xa que axiña baixaron á rúa de novo. E como tampouco tiñan moita présa, fixeron a metade do percorrido andando polas vellas rúas da cidade. Despois si, despois xa colleron de novo o autobús para trasladarse ó seu barrio, que está ás aforas. Así pasaron a tarde Clotilde e Salustiano.


            Finca Fierro. Martes, 30 de agosto de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario