jueves, 25 de agosto de 2016

OS SUCOS DA LEIRA


            Anda a pomba furgando por entre as mesas da terraza, mentres o aire fai bailar a melena dunha muller morena. Tamén baila a dunha rubia, pero non me rimaba con melena. A ver!, as rimas ben escritas, ben quedan ditas. As cousas ben feitas, ben parecen. Aseguro que é verdade.
Cando vexo unha leira arada e os sucos están dereitiños, dá gusto vela. Cando os regos van torcidos axiña pensamos, ou no labrego que suxeitaba o arado ou na xogada das vacas que fixeron o que lles deu a gana. Moitas vacas, ó arar, fan o que lles dá a gana. Principalmente cando ven que chega a fin dos regos. Polo menos as que eu tiña. As moi condenadas cando vían ou intuían que a fin do rego estaba aí xa, zas, aceleraban de tal maneira que, moitas veces, custábame manter o arado en pé e, por suposto, dereito para que non se torcese o rego. Pensarían que rematando o rego xa remataban a leira. Pero había leiras que tiñan unha tira de regos e máis, había leiras nas que te eternizabas nelas. E se para máis aquel eras un rapaz, imaxinade. A vida do labrego amolaba de raio. A maioría das veces, nin domingos nin festas de gardar. E iso sen contar o de levar as vacas ó monte, que había que facelo todos os días. Segue a mesma pomba furgando por entre as mesas e o aire fai bailar o parasol porque a morena da melena xa marchou. Os sucos da leira, grazas a Deus, seguen dereitos.


            Café Paladium da Valenzá. Xoves, 25 de agosto de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario