domingo, 21 de agosto de 2016

SOBRE O ASUNTO DAS FOTOS


            Mirando fotos. Seleccionando fotos. Escollendo fotos. Gardando fotos. Houbo ruta turística e hai que deixar memoria da ruta turística. Hoxe en día, sen fotos, non es nada, non existes. E este pamemiño non quere ser menos que os demais, polo que boto man do móbil (unha cámara?, que é iso?) e, ale, imaxes para o recordo. Para o recordo do feisbuq, claro. Hoxe en día, sen o feisbuq, non es nada, non existes. Que máis dá que agora o asunto das fotos che quite tempo de lectura, por exemplo, nin rabo de gaitas; o caso é mostrarlle ó mundo mundial que estás aí, que fuches ver o castelo de Catro Caldelas, que te achegaches ata a fervenza do Cachón, na Teixera, e que volviches a Castro Caldelas para realizar a ruta dos Muíños.
E non vale dicilo de palabra, coma neste relato, senón que hai que amosalo con fotos. Fotos a moreas. Agora disparas e disparas, que saian como queiran, que xa se seleccionara despois. Como non hai que revelar... O seleccionar quita tempo de lectura, pero tamén é verdade que, mentres selecciono e escollo e gardo a cultura méteseme igual polos oídos, pois entendo que a música de Pink Floyd é cultura, o seu álbum “Wish You Were Here” é cultura. Rematado o asunto das fotos, chegou o asunto do relato, e rematado este, mirade por onde, aínda chega o asunto da lectura. As noites dan para moito.


            Finca Fierro. Domingo, 21 de agosto de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario