Segundo
hoxe son un antimadridista declarado, total, profundo, ó cen por cen, a morte;
nas mesmas proporcións e durante a infancia, incluso a adolescencia, na década
dos 70 do século pasado, fun tal fanático do Real Madrid que sabía todo dos
seus xogadores e da súa historia. Este fanatismo, e debido ó aburrimento que ás
veces tiña no monte cando andaba coas vacas (algunhas veces cansaba de ler
tanto), fixo que na tarde do 27 de xullo de 1976 (o mércores cumpríronse
precisamente 40 anos, que xa son anos) se me metese na cabeza gravar, esculpir
o escudo do equipo merengue nun penedo de Barricobos, no monte de Pinouzos de
Baños de Molgas. Foi pensalo e foi poñerme á labor. Remateino na tarde seguinte.
Ó rematalo tamén levei a cabo a idea que se me ocorrera ó
inicialo: labrar á súa beira o nome daquel xogador máis destacado de cada ano.
Empecei co de Pirri porque este era practicamente o mellor de todos en todos os
anos e, como non, porque era fácil de esculpir, tan só cinco letras. Pero tamén
sabía que non tardaría en gravar o nome de Del Bosque. Eu con Del Bosque
alucinaba. Dentro do meu pobre entendemento futbolístico (por rapaz, pola
idade), non sei por que, pero ver a aquel home que semellaba un langrán, con
aquela melena rizada, que seica non corría, pero que eu ben vía como facía
correr o balón, como o tiña domado, como distribuía o xogo, digo que vendo a
ese xogador cría que tamén merecía un lugar no olimpo do penedo de Barricobos.
Mais nin
naquel fanatismo meu se me deu por pensar que algún día chegaría incluso a
chocarlle a man a ese monstro de xogador (e hoxe de adestrador, por moito que
se acabe de retirar) E non digo xa unha foto con el, co tímido que eu era, que
aínda son. Pero logo de 40 anos, conseguino. E fíxeno sendo antimadridista a
morte. E que?, acaso non traballo, tamén a morte, unha viña e son abstemio?
Pois entón!
O día
que lle choquei a man e que saquei a foto á súa beira (vencendo a timidez
grazas a que alguén empezou primeiro coas sesións fotográficas) aconteceu en
Maceda, cando a este concello se lle deu por homenaxealo (imaxino que polos
seus éxitos como adestrador e como persoa) dedicándolle unha das rúas máis
principais da vila. E xa que eu “pasaba por alí”...
Por
certo, non cheguei a esculpir o seu nome ó lado do escudo do Real Madrid porque
todo pasa e todo cambia, e hoxe en día, un, a estas idades, xa non está para
eses sentimentalismos. Digamos entón que con esta reportaxe cumpro un chisco
con esa homenaxe granítica que non chegou a ser. Esta si é unha homenaxe
escrita a un home, a un xogador que sempre lembrarei con cariño, a pesar do meu
antimadridismo. Sigo sen meter polo medio o de adestrador e o da súa bondade
como persoa. Ata creo que un culé o catalogará como unha personalidade inmensa.
Vicente
Del Bosque González naceu en Salamanca o 23 de decembro de 1950. Vai para 66
anos. Xogou na posición de centrocampista un total de 441 partidos oficiais.
Debutou no fútbol nacional nas filas do Club Deportivo Salmantino (filial do
Salamanca), onde foi máximo goleador con só 17 anos. Pasou ó Castela, cedérono
un ano ó Córdoba e dous ó Castellón (aínda lembro un daqueles famosos cromos
coa camiseta deste club), para pasar definitivamente ó Real Madrid, sendo
titular do primeiro equipo durante 11 temporadas, ata 1984, e ganou con este
último club cinco títulos de Liga e catro da Copa do Rei. Foi internacional con
España en 18 ocasións, xogando a Eurocopa de 1980.
Quitando
ós vellos carrozas coma un servidor, hoxe en día todo o mundo coñece a Del
Bosque polos seus éxitos como adestrador. Normal; a ver quen ten este palmarés:
2 Copas de Europa, 1 Copa Intercontinental, 1 Supercopa de Europa, 2 Ligas, 1
Supercopa de España, e 1 Mundial e 1 Eurocopa como seleccionador. E para un
servidor tamén foi o home que nos abriu os ollos ante o xogo e a posición de
Busquets. É o home que nos emocionou co seu fillo. É o home que si terá o seu
espazo, a súa estampa, a súa talla, a súa gravación nesta miña memoria.
Don Vicente Del Bosque, o langrán que domaba o balón para
poñerllo en bandexa a Netzer, a Velázquez ou a Pirri. Aí é nada! Coa sombra do
antimadridismo polo medio: grazas, señor marqués.
Café Brétema da Valenzá. Domingo, 10 de xullo de 2016
Publicado en La
Región o venres, 29-07-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario