miércoles, 17 de agosto de 2016

O UNIVERSO DA AVENTURA


            Quen dixo que o universo da aventura consiste en correr detrás dun imposible ou simplemente ler máis de duascentas páxinas en branco? Quen dixo que o capitán de fragata correría cunha moto lambretta e sen casco ou simplemente optaría por poñerlle catro pneumáticos ó seu barco? Ás veces botamos as campás a voar sen saber canto carallo pesan tan sequera os badalos! Ai que ter un chisquiño máis de conciencia para analizar o bisbis dunha oración ou o barullo dun velorio. Un velorio onde a vida se quedou en silencio, se quedou sen dicir nada máis, nin tan sequera: aquí paz e despois gloria.
Quen lle dará catro voltas ó campanario da igrexa de Baños de Molgas? Primeiro ten que subir os máis de cen chanzos e, despois, contemplar o panorama da vila para saber se aí hai futuro ou non hai futuro. Moi complicado asunto. Quen escoita o jazz de Kamasi Washington mentres deixa que os dedos percorran as teclas dun portátil para formar algo semellante a un escrito? Pobre escrito! Ó final máis seguro que acougue entre os pés dun canastro da Aira de Arriba de Baños de Molgas. Alí poida que ó escrito o leve o vento. A ver!, se tan só serán catro palabras mal conxugadas. Pero, que máis se lle pode pedir a unha aventura polos confíns do universo?


            Finca Fierro. Mércores, 17 de agosto de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario