jueves, 21 de febrero de 2019

CON BOAS PALABRAS

Traidor! Traidor!, berroulle un a non sei quen. Os dous botaban lume polos ollos e fume pola cabeza. E non eran dragóns. O narrador quedou alucinado vendo as súas maneiras. O que facía de non sei quen tiña unha fouce gata levantada e con sinais de deixarlla caer na cabeza do que facía de un. Este arremangou as mangas da camisa e colleu o fouciño que tiña á súa beira e con sinais, tamén, de arrebolarllo a non sei quen. Ó narrador non lle quedou outra que admirar as veas inchadas dos brazos do que facía de un. A máis gorda semellaba o río Arnoia e as outras eran algo así como o regato das Lamas, a caldeira dos Lamas e a caldeira das Pedradarcas.
A acción desenvólvese en Baños de Molgas. Porque un é do Lugar e non sei quen é da Carretera. Mentirán! Mentirán!, era agora non sei quen o que lle berraba a un. As ferramentas cada vez estaban máis cerca das caras dos dous. O narrador estaba a velas vir, pero tamén vía que a cousa podía moi perfectamente pasar a maiores. Dáballe rabia, porque tanto un coma non sei quen eran veciños. E para o narrador a veciñanza é sagrada. Así é que, ó narrador, non lle quedou outro que meterse por medio, cun simple bolígrafo nas mans, e con boas palabras apazugou o incendio. Onde estea a palabra...

Finca Fierro. Mércores, 20 de febreiro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario