Oín a noticia da estafa dos ataúdes pola radio. Lin a noticia nos xornais. E coincidiu que, polos telexornais, vin imaxes desa noticia que se deu en Valladolid. Estaba a miña muller comigo, e saíume da alma: “a min particularmente non me importa; por min como se me botades no medio de Sudalomba, alá no Medo, para proveito dos lobos; pero iso das estafas está mal, moi mal”. Eu, ó morrer, dáme exactamente igual o que fagan comigo, como non vou sentir nada... Pero, polo demais, e á parte de que cada un escolle o ataúde como lle pete e segundo as circunstancias, o dono da funeraria ou os tíos que participaron no fraude xogaron cos sentimentos que se producen neses instantes. E eses sentimentos todos sabemos que son moi fortes. Iso é ser peor que voitres. Espero, confío e desexo que o castigo sexa exemplar. Porque... uff, agora vendo isto, sabendo isto, empeza un a preguntarse se iso non o farán máis funerarias. Espero, confío e desexo que tan só o fixesen eses malnacidos, eses infames.
Paso dos mortos ós
vivos. Aínda que no caso de Nicolás Maduro, non sei, non sei.
Meteuse Donald Trumpo polo medio... A verdade é que penso que Maduro
desta vez si cae. O peor pode ser o prezo que haberá que pagar para
que caia. O prezo en vítimas, se entende. Porque todos os ditadores
foron, son e serán duros de roer. E se a xente caía xa mandando
eles, cando se ven perdidos intentan levar a moitos por diante.
Confío un chisco en que, agora si, agora caia,
porque xa practicamente o mundo mundial
está na súa contra. Aínda que, ante esta situación, é cando con
máis saña
pelexa, máis se encirra na súa ideoloxía,
no seu mandato, na súa ditadura.
Paso
dos vivos ós conxelados. Queixabámonos hai uns días dos -10 graos
que había por Xinzo de Limia ou Calvos de Randín, e vai Chicago e
di que para frío o deles; algo así como -40 graos
e con sensación térmica de -45. Iso é frío! Iso, polo que
contaban, é practicamente pura conxelación. É dicir, que había
que ter valor, moito valor para botar os fociños
de paseo. A maioría non os botaba, claro. E con razón. Así
é que pódese dicir moi perfectamente que, a Lagoa de Antela con
respecto a Chicago... o deserto do Sáhara ou a liña ecuatorial!
Finca
Fierro. Sábado, 2 de febreiro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario