sábado, 23 de febrero de 2019

O BIRLIBIRLOQUE DUN CONTO

Rapidiño e correndo. O birlibirloque dun conto está na forma de contalo. Podo contalo cos dedos das mans ou a través dunha canción de Cyndi Lauper. Así de simple. Tamén podo oulear desde un outeiro facendo de lobo pero sen ser lobo. Non é tan fácil ser lobo! Facemos mellor de cordeiros. Somos máis mansiños. Queren e desexan que sexamos máis mansiños. Así de sinxelo. E nós, por arte de encantamento, facemos maxia bailando sobre a punta dun dedo, é dicir, ó son que nos tocan. Xa quixera eu saber tocar o son de Miles Davis, por exemplo.
Rapidiño e correndo miro o reloxo e vexo que é tarde, moi tarde. A unha menos cuarto da noite. Así é que non queda outra que dicir que todo ten o seu principio e a súa fin. Isto empezou e tamén acabará. Que remedio! Tamén empezan e a acaban os temas ou as bandas sonoras do mestre Morricone. Tan só non quero que acaben os contos, aínda que non os saiba contar, ou aínda que os conte de distinta maneira. É bonito que algunhas cousas teñan dúas versións. Tamén é un crime que a algunhas obras mestras lles fagan unha versión ou continuación. Menos mal que eu nunca deixarei caer sobre o papel nin tan sequera un chisme ben contado; polo que, cando remate aquí, rematará para sempre. Rapidiño e correndo xa foi. Ou xa o contei.

Finca Fierro. Venres, 22 de febreiro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario