Punto
de cruz na tela dun descosido e piñeiro seco moi lonxe dun río.
Ando de paseo por entre as toxeiras dunha poula perdida entre os
parágrafos dunha novela. Sempre imaxinei unha historia de fantasmas
ás doce do mediodía e
sempre me vin sentado no mazadoiro da burga ás sete da tarde. Logo
dun descanso fun cara á Pillamadoira para manter alí un desafío
entre fusco e fusco coa artistiña da película. Deixei que Clint
Eastwood se puxera cara o sol. Ladeei o sombreiro e estivemos á
espera de que chegara don Ennio Morricone para que lle puxese música
ó duelo a morte no lameiro do Sandiós. Na
espera, un servidor rezáballe ós santos inocentes porque o revólver
de Eastwood é moito máis rápido có rifle de John Wayne. Sempre
lle tiven medo ó rifle de John Wayne. Punto de cruz na alforxa da
sela do cabalo. Do cabalo de Clint Eastwood. A miña economía só
alcanza para un pobre mula
parda á que se lle van os ollos cara ó cabalo do meu inimigo.
Cansos
de esperar por Morricone, achegámonos con parsimonia e Clint deume
un cigarro e eu ofrecinlle lume. O sol xa acochara polo outeiro de
Brandín. Ó rematar de fumar collemos das rendas os animais e
volvemos, xuntos,
para o mazadoiro da burga. Aquí paz e despois gloria, dixemos os
dous.
Finca
Fierro. Venres, 1 de febreiro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario