A
semana pasada, no noso país, desenvolvéronse as mesmas lerias que
na anterior, é dicir, maquinaria electoral en marcha, o asunto de
Guaidó, Maduro e o pobo venezolano e, como non, o xuízo polo tema
catalán. Un servidor, como politicamente é torto, pasa un pouco de
amolar á xente “ben entendida”, principalmente
no asunto catalán, a maiores de que tamén,
o mesmo servidor, recoñece que hai periodistas
ou informadores que si entenden
moito máis ca el na materia. Entón, para que enfadar á inmensa
maioría. Co sinxelo que é aparcar a política e falar doutros
asunto que, incluso, poden emocionar. Como
unha boa actuación musical, por exemplo, rematando precisamente a
semana, o venres. De fados vai a cousa. O tango leva a fama, pero
coidadiño co fado. O fado xa sabemos que é
todo un sentimento, toda unha nostalxia.
Os
fados interpretados por Marlene Rodrigues case encheron o auditorio
de Barbadás e emocionaron de tal maneira que, ó final, aquilo era
máis unha festa que unha propia actuación. Marlene estivo
acompañada por Rui Beirão na guitarra
portuguesa, por Alex Marques no baixo e por Dario Rocha coa viola de
fado. Foron 20 fados de todas as cores. Abrollaron
20 fados dos que, dous, foron instrumentais e os 18 restantes saíron
dunha voz doce e portentosa, sentimental e forte, melancólica
e retranqueira, portuguesa e marabillosa.
Si, a voz de Marlene Rodrigues, por sorte, xa a coñecía. Porque xa
a vira actuar por dúas veces
con Xardín Desordenado. Aínda que por
esta vez descubrín unha nova faceta dela: a súa simpatía. Con
Xardín Desordenado... non sei, semellaba
que non se soltaba; pero agora, sendo ela a
raíña, amosaba todo un potencial simpático e incluso trouleiro,
algo carallán. Ou
sexa, que nos fixo rir.
Marlene Rodrigues,
fuches a autovía
do fado pola que, as letras, circulaban á
velocidade permitida, pero os sentimentos lanzáronse moito máis alá
dos 120, incluso con risco de multa. Pero quen non paga unha multa
por certas emocións. E o venres emocionaches, emocionastes a todo un
auditorio posto en pé para rachar con aleluias
unha actuación exemplar. Obrigado, moito
obrigado, Marlene. De coraçao.
Finca
Fierro. Sábado, 23 de febreiro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario