domingo, 2 de junio de 2019

480 FLEXIÓNS DE OMBREIRO

Abilio Esperto Rañado rise deses deportistas que se gaban continuamente das súas flexións, coma se fosen Rockys en estado de graza. Pero el, o fillo da Píntega, fixo o outro días 480 flexións... de ombreiro! Botou todo o sábado sabadete poñéndolle a rolla ás botellas do viño branco da derradeira colleita. Dándolle á máquina para que o cortiza penetrase polo bico da botella. Ás veces ata había que xemer un chisco. Non obstante, o máis esperpéntico do asunto é que Abilio Esperto (ó que por detrás lle chaman O Dios Bendito, aínda que de bendito seica non ten nada, pero a xente nas aldeas xa se sabe...) non proba o viño. É completamente abstemio. De aí que embotellase con luvas de vertedoiro. Non fose o demo que lle caese algunha pinga de viño nas súas mans de sacho labrego.
O Dios Bendito é abstemio desde cativo, desde que unha vez lle fixeron probar o viño cando andaba arrincando nas patacas. Sóubolle a unha medicina que lle facía tomar a nai a base de labazadas. Porque antigamente, ante as mamás ou papás e as persoas maiores non existía o adverbio de negación “non”. Se por un casual se che escapaba, axiña te puñan na situación correspondente. Pois iso, que sendo abstemio, hoxe, a Abilio Esperto dóelle un chisco o ombreiro dereito por culpa de 480 flexións. Que se rían agora os presuntos ximnastas.

Finca Fierro. Domingo, 2 de xuño de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario