martes, 18 de junio de 2019

OURENSE NO MAPA

Agora si que é verdade que Ourense empeza a situarse no mapa. Van saber os de máis alá do Padornelo como as gastamos os ourensáns. Van deixar de falar dunha vez por todas de Abel Caballero para situar no trono ó alcalde da Cidade das Burgas. Ai logo!, xa era hora! Levamos tan só tres días co noso alcaldiño e Ourense, por fin, vai moito máis alá dos esperpentos de Valle-Inclán. Que se poña as pilas o de Vigo, que acaba de chegarlle a competencia.
Agora si que é verdade que Ourense está a ensinarnos o auténtico valor real da política. Por se tiñamos algunha dúbida. Por se tan só intuïamos o cheiro a podre que deixa. Agora apesta de tal maneira que nos vai pasar o mesmo que co fútbol desde os amaños das apostas: confiabas nos profesionais do balón e, zas; confiabas nos profesionais da política cando se subían a un atril e, zas. Nos profesionais de que? É verdade, é un dicir.
Tamén é certo que agora si que é verdade que Ourense será a causante de que botemos unhas risas no bar, na taberna, nas xuntas de veciños, no día a día, a causa dun pacto que se comeu vivo ó mellor esperpento do gran Valle-Inclán. Xa era hora de que os berros de Ourense cruzasen o Padornelo!

Finca Fierro. Martes, 18 de xuño de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario