Hai
catro días escribín un relatiño para Pingas de Orballo (que no
momento de escribir isto aínda non se publicara) no que falaba das
dedicacións exclusivas nos concellos e deputacións,
e dando a entender de que agora todo o
mundo se quere meter na política (de aí a proliferación de tantos
partidos) para mamar do teto da vaca.
Pois ben, non sei
se foi ó seguinte día ou ós dous días cando asomaron publicacións
sobre os soldos que empezaban a implantar os novos alcaldes e os
presidentes das deputacións. Ante isto, corroboro aínda máis o meu
malestar ou a miña denuncia sobre eses soldos que me parecen, non
excesivos, senón estratosféricos en concellos que tampouco é que
sexan tan importantes. Hai alcaldes que nun santiamén xa se subiron
o soldo nun 30%. Cando para o paisano de a pé se algunha vez lle
soben algo é, como moito, o 1
ou o 2 por cento.
Como moito. Hai alcaldes que van ganar case 54.000 euros ó ano. Unha
barbaridade! Para un servidor, ese soldo,
nin tan sequera o merecería un alcalde dunha gran cidade. Alguén
estará pensando na responsabilidade que implica, que supón tal
posto. Como a dun bombeiro? A dun ATS? A dun mestre? A dun garda
civil? A dun médico?
O alcalde de
Vilanova de Arousa, o paspán ese de “chacha para todo”, seica
ganará 53.065 euros, e resulta que di que aínda cobraría máis
como médico. E digo eu, por que non se quedou de médico? Porque a
min non hai quen me quite da cabeza de que, a maiores do soldo, hai
comisións, favoritismos e “trapicheos” que axudan (e moito) a
encher as arcas deles. Intúo que cada vez que aparece algún
concurso para a adquisición dalgunha obra de certa envergadura, aí
as comisións e favoritismos
inician o baile de San Vito.
E xa que comentaba
ó principio o das dedicacións exclusivas, agora
xa se sabe que, en Ourense, por exemplo, máis da metade dos
concelleiros vivirán á nosa costa. Ourense; que se pode dicir que é
unha vila grande, nada máis. E todo o que acabo de comentar neste
Recuncho multiplicado por dous. É dicir, o
mesmo coas deputacións, claro. Digo
o que dicía nese Pingas: somos os tetos da vaca.
Finca
Fierro. Sábado, 29 de xuño de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario