jueves, 20 de junio de 2019

A ESENCIA DA MIÑA VIDA

Que desastre! Non sei se non se acabará o mundo. Pasa das catro da tarde e aínda non lin ningún xornal. Síntome baleiro. Síntome impotente. Non son eu. E non me vale que vexa algunha que outra noticia publicada nas redes sociais ou que consulte os periódicos pola Internet. Xeralmente nunca o fago. Porque o meu é o papel. As páxinas teño que pasalas eu. E por cada páxina hai unha orde de lectura, que, ás veces é certo que os ollos se me van para outras columnas ou para outros espazos, pero xeralmente sigo unha orde. Coma en todo nesta vida; hai que seguir unha orde se non queremos andar á deriva.
Sigo co xornal. Teño que cheirar o papel. Teño que luxar os dedos coa tinta. E teño que saborear o café. Porque claro, iso si, co periódico ten que asomar na mesa ou na barra do mostrador o cafeciño. O peor é que este vai en tres simples sorbos. Aínda que o sabor, ás veces, alcanza para todo o periódico. Se por un casual non alcanza, tomo outro e xa está; non pasa nada. A min o café éme coma o periódico. Son algo así coma a esencia da miña vida, a esencia que me mantén en pé e con ansias de que chegue o día seguinte... para ler o periódico e tomar un café. Por iso agora mesmo estou adoecido; son as catro e media da tarde e nin xornal nin café. Así é que marcho coma un lóstrego a ler o periódico.

Finca Fierro. Xoves, 20 de xuño de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario