Este
venres pasado aparecía nas páxinas deste mesmo xornal unha noticia
acaecida o día anterior sobre a sorpresa da xente ó
ver a unha muller con dous burros pola rúa do Progreso.
Agora hai que saber se tal sorpresa se
debeu a ver os burros pola cidade ou a de ver simplemente os burros.
Porque hai que recoñecer que case ou sen case están en extinción.
Unha pena, unha auténtica pena.
Creo que de todos
é sabido a miña admiración pola vaca na nosa terra; polo que é e
polo que representou. Pois ben, á hora da verdade, non me importaría
poñer ó burro un chanzo máis arriba. A vaca representou moito para
Galicia, pois a parte do traballo que facía, adoitaba manter a toda
unha familia humana grazas ás súas crías e ó seu leite. O burro
non daba isto; pero traballaba se facía falta como unha vaca (na
miña casa mesmo, logo de vender as vacas aínda nos tiramos uns
aniños traballando as fincas co burro, porque el araba, el apañaba
o esterco e o que lle puxesen no carro) e despois facía o que non
lle deixabamos facer ás vacas: traballar incluso cando se asaban os
paxariños coa calor. Logo, para máis
aquel, de facer todo iso, foi o animal máis maltratado que vin en
toda a miña vida. Vin a xente zouparlle en todo o lombo coas trancas
das portas, ata con fouces e fouciños. Resumindo, non mirabamos por
el como se miraba polas vacas. Foi o gran
servo do labrego.
Sobre
o de chamarlle burros daría para un debate de varias xornadas.
Porque de burros non teñen nada. Son listos, moi listos; polo menos
os que tivemos nós. Un era tan listo que
estivo esperando ó meu pai a que baixara dun castiñeiro (a onde
subira para collernos unhas castañas) para botarlle a boca a unha
nádega. A pesar de ser eu aínda un cativiño, lembro ben a marca
dos dentes que lle deixou. E case todos os demais que tivemos eran
tan listos, que nos lles importaba percorrer uns cinco quilómetros
ou máis con tal de ir “ás mozas”. Desde o monte Medo, é dicir,
case desde Os Milagres, os moi “burros”, nun despiste (e eu como
sempre estaba coa vista posta nun libro...), largaban ata o muíño
do Dositeo, preto da ponte das Cepas, porque sabían que alí o
muiñeiro tiña a súa burra. Chámalle burro ó burro.
Finca
Fierro. Sábado, 22 de xuño de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario