Unha
vez máis a transición hebdomadaria métese de novo na elaboración,
na realización deste recuncho. Que
o momento de escribilo será completamente distinto do momento da súa
lectura. Ou polo menos sería
unha aventura sinalar quen será o vencedor do torneo de tenis de
Roland Garros entre o español
Rafa Nadal e o austríaco Dominic
Thiem. A escritura realiceina o sábado, o
partido debería ser o domingo e a lectura,
xa vedes que día é. Pero ata
poida que nin no momento en que estades a ler isto se saiba quen
ganou. Porque a chuvia era a gran inimiga do torneo.
Non
obstante, teño que recoñecer que ese
parágrafo tan só foi a escusa perfecta para introducirme no que
realmente quero contar. Porque o asunto vai de tenis. Dunha figura
tenística de principios dos anos 30 do século pasado con raíces no
meu Baños de Molgas. Máis en concreto dunha sobriña do reputado
médico D. Samuel González Movilla
(nas crónicas do
mes de agosto de 1933 noméano
como Manuel), que
nacera en Ourense, no número 11 da rúa de Reza. Pero
que, como era case normal naquela época e
por unhas ou por outras razóns, marcharan para Cuba. Wasthy Conde,
que así é como se chamaba a afamada tenista, acabara na lendaria,
na mítica rexión
de Camagüey.
Naquelas épocas,
a realidade era que os torneos tenísticos, tal como se coñecen
agora, nin tan sequera existían. Había as chamadas reunións
deportivas. E realizábanse, por suposto,
entre a boa sociedade de tal ou cal cidade ou rexión ou país.
Naqueles tempos, o deporte tan só era para certos privilexiados (os
demais rompían o lombo para eses; coma sempre, como é lei de vida).
Semella que a nosa Wasthy Conde ganaba tantos partidos que a rexión
de Camagüey quedábaselle pequena, polo que aproveitou unhas
vacacións na Habana para dicir “aquí estou eu”. Como era guapa
e como era simpática, incluso
retranqueira, puxo a boa parte de Cuba ós
seus pés. A prensa cubana gabouna de tal maneira que non tardou en
comparala a Mirtha
Mederos, outra das xoias tenísticas do
país cubano.
Finca
Fierro. Sábado, 8 de xuño de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario