domingo, 23 de junio de 2019

SEN ORIFICIO DE SAÍDA

Todos sabemos que hai sucesos ou crimes que pola súa temática ou pola súa acción dan para películas de cine. O que aconteceu no mes de setembro de 1933 na aldea de Vilariño de Lama Má, no concello de Baños de Molgas, ben podía reflectirse nunha longametraxe cinematográfica. Contaban as crónicas dese mes que a Garda Civil andaba coas súas indagacións para saber como se desenvolvera o crime que acontecera nese lugar. A vítima era un capataz do ferrocarril que respondía ó nome de Bernardo Lima Dacosta, de 37 anos, portugués de orixe e veciño da citada localidade.
Atopárono cadáver, a causa dun disparo, na rúa ó lado esquerdo da porta da taberna, que era propiedade do pedáneo Juan Fernández Novoa. Bernardo presentaba unha ferida de arma de fogo sen orificio de saída. O detalle estaba en que na porta da taberna había un buraco que seica se tapara con cinsa, polo que a Garda Civil intuíra que tal tiro se disparara desde dentro. Houbo varias detencións de veciños de Arnuide (Vilar de Barrio) e a do taberneiro, por suposto. E segundo declaracións de todos eles, semella que o autor do disparo, o causante do crime fora Antonio Fierro Ferreño, de 24 anos e veciño de Meamán, tamén do concello de Baños de Molgas. No momento da publicación das crónicas aínda non se dera co seu paradoiro.

Finca Fierro. Domingo, 23 de xuño de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario