viernes, 7 de junio de 2019

PACTO POLA CLIMATOLOXÍA

Escuridade. Claridade. Noite. Día. Tempo tolo. Vou ter que pactar con climatoloxía, pois tan ben non preciso luz para escribir coma, nun suspiro, non ver un carallo. Nubes negras que asoman polo ceo ourensán. Raios de sol que penetran pola ventá da miña casa. Quero sol? Quero chuvia? Quero calor? Quero frío? Tanto me ten! Por iso non penso pactar con ninguén. Nin có lóstrego que se oe, nin coa chispa que abraia. Nin coa pinga de orballo que descansa na herba verde dun lameiro, nin coa gota de suor que esvara pola cara queimada dun servidor.
Tanto ten sentar á sombra dun amieiro coma sentirme Gene Kelly cantando e bailando baixo a chuvia. A Camilo Sesto chovíalle sobre mollado, mentres que ós Resentidos facíalle un sol de carallo. Así é que, climatoloxicamente falando, non penso pactar con ninguén. Que máis dá que caian chuzos ou que chova a cachón durante toda unha fin de semana coma que a canícula se deixe sentir durante toda unha hebdómada. Que pacte a andoriña coa rula, se queren. Ou o lagarto coa serpe. Agora mesmo o sol penetra con forza na cociña e sobra a luz acendida. Pero hai un cacho unha nube negra fixo que o día se volvera noite ficticia. Tempo tolo a tres días do corenta de maio. Non penso pactar co mes de xuño.

Finca Fierro. Venres, 7 de xuño de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario