sábado, 22 de junio de 2019

A NUBE NEGRA

Unha nube negra sobre o ceo molgués semella que está quieta, pero móvese. Como se moven os desexos dunha ansiedade que está pechada na habitación dunha novela barata. Camiño cara á sombra da nube e chego xusto á altura da aira da Maquieira. Claro que axiña teño que trasladarme para acougar na aira do Pombal porque, como dicía, a nube negra móvese. Como se move o raciocinio dunha historia que debería contar, pero que hoxe non me apetece. Non todos os días un deixa que a inspiración se bote ó camiño. A inspiración vén e vai cando o autor finca os cóbados sobre unha mesa; que ela soa non escribe un poema.
A condenada da nube negra semella que só lle gusta estar enriba das airas molguesas. Porque xa estou á sombra dela e dun palleiro na aira da Igrexa. Porque a nube negra moveuse unha vez máis. Como se moven as sensacións dunha vida que buliu de aira en aira e por entre os toxos e xestas duns montes eternos. Hai vidas e tempos que si son merecentes de plasmalas sobre uns papeis en branco, con inspiración ou sen ela. Unha nube negra sobre o ceo molgués, que segundo pasa o tempo, esvaece para deixar pasar uns raios de sol que iluminan a toda a vila de Baños de Molgas. Busco entón a sombra dos canastros da aira de Arriba. Alí cerro os ollos e deixo que o tempo pase e o silencio se pouse nos meus pensamentos.

Finca Fierro. Sábado, 22 de xuño de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario