domingo, 23 de junio de 2019

OBXECTIVO IMPOSIBLE

Acabo de ver e oír o spot de Atresmedia e a Fundación Axa, por medio do seu slogan Ponlle Freo, na que nos aconsellan que lles saquemos fotos ós estados das estradas e a eses sinais que o mato non deixa ver para facer a correspondente denuncia. Boteime a rir ó momento. Incluso a miña muller se deu conta da miña risa, de por onde ían os tiros. Se me dedicase a sacarlle fotos rebentaría o móbil, non tería memoria suficiente para o seu almacenamento. Estou a falar tan só das zonas que coñezo, neste caso, da provincia de Ourense; polo que non quero pensar o que acontecerá en toda España. Queixámonos moitas veces do estado das autovías e autoestradas, como para poñer de exemplo esas vías secundarias e esas pistas que van de aldeas en aldeas.
Sinais arrincados. Sinais rotos. Sinais dobrados. E case todos eles cubertos por matogueiras que nin tan sequera che deixan adiviñar o que podería estar escrito nos mesmos. Sobre o estado das estradas sería o conto de nunca acabar. Estradas con fochancas. Estradas con parches. Estradas que se estreitan porque o paisano tivo medo de que lle quitaran todo o capital. Penso que nun simple traxecto de, por exemplo, 20 quilómetros xa se me quedaría o móbil sen espazo para arquivar as fotos. Entendo o chamamento da publicidade. Pero para aquí é un obxectivo imposible.

Finca Fierro. Domingo, 23 de xuño de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario