Por
esta vez non houbo nada programado de especial para
a transición hebdomadaria, é dicir, entre
a noitiña do sábado e o amencer do luns, ou sexa, o domingo.
Resumindo, que esperemos que non acontecera nada extraordinario no
sétimo día. Que dixo Deus que estaba para descansar. Así é
falarei do
auténtico acontecemento semanal, xa que non puiden facelo no
Recuncho anterior. Que xa votamos e que, como non, tamén houbo
sorpresas. Sorpresas para un servidor. Outros recibiron, falando
claro, unha malleira. Como eu son o que
escribo, falo das sorpresas, xa que non
quero facer sangue nos derrotados e iso que
sempre se dixo que gozamos moito máis que nos rimos moito máis coas
desgrazas alleas.
Para min houbo
sorpresa en Baños de Molgas, e non porque ganase o BNG, que,
máis ou menos, esperábao, esperabámolo, senón pola forma que tivo
de ganar, ou sexa, arrasando. Agora si ten catro anos por diante para
demostrar a súa valía, pois non está suxeito a ninguén. E segundo
ata agora podía achacar algo das ataduras, agora chégalle o momento
para realizar os
seus desexos e
demostrarlle ós veciños que se non fixera máis fora porque non o
deixaran. Esperaremos acontecementos.
Non obstante, a
maior sorpresa coa que me erguín hai xusto sete días, foi con ese
mesmo partido, pero en distinto concello, aínda que iso si,
limítrofe; o de Vilar de Barrio. Iso si foi deses momentos nos que
nin eu nin creo que moitos esperabamos. Que o Bloque vencese a toda
unha institución ou “eternidade” en Vilar de Barrio.
Sobre os demais
concellos que me interesan, ben por convivencia ou por proximidade
direi que en Maceda o asunto aínda está no aire, aínda que penso
que vai seguir o anterior, ou sexa, Rubén Quintas; que en Barbadás
máis ou menos ganaron os mesmos, pois
coido que seguirá o entendemento entre o
PSdeG e o BNG; e por último, o detalle curioso estivo en Castrelo do
Miño: 3, 3 e 3. O BNG perdeu a maioría absoluta, pero
imaxino que pactará co PSdeG. Imaxino. Claro que a política é tan
rara. É coma ese fútbol finxido; que pensamos que fan as cousas por
amor ó club e resulta que, despois, por culpa dunhas apostas... Os
partidos ou políticos sería por amor ó paisano de a pé, pero
despois por uns intereses...
Finca
Fierro. Sábado, 1 de xuño de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario