domingo, 15 de septiembre de 2019

A CABRA E UN SERVIDOR

Un home quere muxir unha cabra e eu quero bailar sobre unha tatuaxe debuxada nunha nádega. Unha muller pregunta polos litros de leite que pode dar unha cabra durante uns certos anos e eu quero asubiar un sentimento que me aparece nos soños cada dous por tres, ou sexa, moi a miúdo. Agora que cada quen analice a situación da cabra e dun servidor. E mentres se analiza o asunto, podemos moi perfectamente escoitar á Cacho Señora Dona Barbra Streisand cantando “Starting Here, Starting Now”, por exemplo, ou tamén podemos contemplar o horizonte para intentar asimilar por onde asomará o ruído do mar. Se é que pola contorna hai algún mar. Que dubido moito, xa que tan só se ven cabras que queren subir á punta dunha meda. Un regato de auga pasa por entre dúas penedas e a miña ollada queda fixa nunha foto que amosa un corredor acabado de pintar. Semella de cor beixe. Ó mellor erro na apreciación, pero errar é humano. Tamén comete fallos a cabra cando quere realizar un salto imposible; por exemplo, o querer subir ó campanario da igrexa de Baños de Molgas. Non sei, pero ó final haberá que debuxarlle unha tatuaxe para enganala e que pense que o pesebre está aí, diante dos seus ollos. Eu tan só quero quedar pasmado ante a beleza dunhas ás de bolboreta e ante o voo dunha rula que vai e vén por entre as estrofas dun poema.

Finca Fierro. Domingo, 15 de setembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario