viernes, 20 de septiembre de 2019

PODO FACER E DESFACER

Se quero podo facer perfectamente todo o que me dea a gana. Así de simple. Ninguén manda en min. Ninguén me aconsella e tampouco me deixo aconsellar. Para que? Se alguén te aconsella é baixo o seu prisma. Penso eu. Podo escoitar a Richard Gere no musical “Chicago” ou a Los Guajiros del Puerto en “Veo, veo”. Podo coller camiño de A Valenzá e mirar de esguello para a rúa A Canella, por exemplo, ou podo botar a correr ata a rotonda da Familia. Quen me vai dicir que non faga tal cousa? Quen me vai parar os pés? Teño liberdade para facer e desfacer. Liberdade para berrar! Liberdade para pensar! E penso, vaia se penso! Tamén teño liberdade para soñar! E soño, vaia se soño!
Podo escoitar a Nina Simone en “Feeling Good” ou a Jerry Goldsmith cos títulos finais da película “O premio”. Podo lanzar un asubío que se oia incluso en Lobios ou podo quedar en silencio para asimilar certo asunto moito mellor. Quen me vai prohibir a min que soñe cunha estrela que viaxa polo espazo sideral e deixa un ronsel que abraia, que apampa. Quen me vai prohibir que lle pegue unha patada ó mundo ou que baile sobre a á esquerda dunha rula. Se quero podo escoitar a Billie Holiday ou confiarlle catro desexos a un espírito libre, por exemplo. Hai por aí espíritos libres que te escoitan, que te queren aconsellar incluso (se é que me deixo aconsellar, claro) e que te ven coma un libro aberto que, vaia por Deus, haberá que pechar. Péchoo, por se aquel.

Finca Fierro. Venres, 20 de setembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario