jueves, 19 de septiembre de 2019

CHOVE SOBRE UN BERRO QUE ESGAZA

Chove. Chove sobre o sentido duns diálogos que caeron nun ir e vir de oracións, de frases auténticas e sinceras. Pero ó mesmo tempo brillan eses diálogos baixo uns sentimentos que se soltan, que rabuñan na intelixencia de cada un. Chove sobre a rúa mollada. Chove sobre mollado. Chove e aí vai o lixo, a xenreira, a ansiedade, a pesadume do que foi. Non obstante, uns poucos raios de sol baten contra esas pingas de auga para que se reflicta un silencio melancólico, un instante eterno e unha beleza que vai e vén por toda a conversa. Chove nos soños que se soñan e nas realidades que non se inventan.
Chove sobre a rotonda do meu peito, e de tantas voltas que dan os latexos sinto unha dor, un anhelo que me deixa sen alento. Chove sobre o que se escribiu e sobre o que non está escrito. Chove sobre un berro que esgalla, que esgaza, sobre un xogo ou partida que vai máis alá de ganar ou perder, sobre atrancos que hai que retirar para poder pasar, sobre silencios cheos de saloucos e sobre ruídos cheos de silencio. Chove congoxa pola mañá, chove medo pola tarde, chove angustia pola noite e chove ansiedade a todas as horas. Pero locen pensamentos que non caen en saco roto. Pensamentos que sobrenadan nas pingas de auga e que brillan baixo unha luz que namora. Chove e a alma queda limpa de impurezas. Chove e unha bágoa esvara pola meixela abaixo. Chove e un sorriso deita sobre un retrato.

Cafetaría Babalú de Ourense. Xoves, 19 de setembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario