miércoles, 25 de septiembre de 2019

IDEOLOXÍAS POÉTICAS

Balla Elocuente Sandero emprendeu camiño rumbo ó ignoto. Deixaba atrás un berro impulsado por unha gorxa esgazada, por unha gorxa rota. Que berrou desde a impotencia, desde a incapacidade dun físico estragado e irrisorio, grotesco. Balla Elocuente era guapa, guapa ata a extenuación, ata o afogo. E por iso foi ó encontro dun ronsel que lle marcaron. E por iso deixou atrás un ouleo que doía, que mancaba. Un xemido, un lamento que estouraba ós catro ventos. Hai encontros que deixan ver unha luz e, ó mesmo tempo, amosan unha escuridade negra, incluso cega. Balla Elocuente Sandero correu, correu na procura dunha felicidade eterna. Correu para vivir, correu para soñar. Pero tamén deixou atrás un silencio roto, un sentimento que vertía bágoas de desconsolo.
Balla Elocuente encontrou o sinal, a pegada, a marca o ronsel que lle deixaran. E notábaselle un brillo especial nos ollos, un ritmo de acordeón nas palabras. Mentres, ó outro lado da existencia, ó outro lado do túnel escuro coma boca de lobo, estaba o asubío que non saía, o berro que xa non era berro, a mágoa de tanto morder silencio. E tan só nun recanto da memoria quedaba a luz dunha tatuaxe que mantiña a esperanza dun soño. Balla Elocuente Sandero chegou feliz ó punto de partida. Merecía esa felicidade. Aínda que polo camiño deixase espallados latexos que rebentaban de aflición. Pero hai ideoloxías poéticas que non morren nunca.

Finca Fierro. Mércores, 25 de setembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario