Sabemos
que cando acontecen varias desgrazas ou calamidades seguidas
adoitamos dicir aquilo de que “non saímos dunha e xa estamos
noutra”. O mesmo, o mesmo que coa política (que, por suposto, polo
menos a nosa, é unha calamidade), pois por fin rematamos co
esperpento da asignación de presidente, pero metémonos de cheo xa
nunha nova campaña electoral. Fartos de rexouba, entramos na
carallada. E ante tanta algueirada xunta, a xente vai dicindo por aí
ou subindo ás redes que rexeitemos un pouco ou un moito as
votacións. A ver, tampouco é así; votar hai que votar. Pero hai
que saber a quen se vota. E con moito coidado, xa que despois pasa o
que pasa: os amigos pactan cos teus inimigos, os
teus inimigos traizoan logo ós amigos e sentan o cu na poltrona
precisamente ós que nunca votarías na vida. Ai
a política...
Tamén tivo que
haber algo de política na nacionalidade dese rapaz chamado Asun
Tati, que con 16 anos, está na boca de tods por xogar ben ó fútbol
e por querer que xogue cos nosos nacionalizados.
Seguro que calquera paisano de a pé dá máis voltas que un sarillo
e durante un bo espazo de tempo para acadar unha nacionalidade
desexada desde, ó mellor, anos ha. Pero claro, cando o cu aperta
dámoslle mil voltas ó mundo. Perdón, a algúns chégalles cunha
reviravolta.
Tampouco
sei que política pode haber para que na nosa cidade existan dous
equipos de fútbol co mesmo nome. Si, xa sei que se diferencian pola
UD e pola CF. Pero eu, agora mesmo, teño que botar man do San Guguel
para saber que o Unión Deportiva Ourense é o ex CD Ourense e que o
Ourense Club de Fútbol é o ex Ponte. Entenderedes que o que non
podo facer, cada vez que leo este xornal, é consultar o Guguel para
saber cal é un e cal é o outro. Tamén
sei que se fora un gran fanático do noso fútbol provincial, non me
debería ocorrer iso. Pero un chega ata onde chega, ou sexa, a
desvivirme polo trunfo de todos eles, pero sen furgar máis. Non se
lle podería cambiar o nome a un deles? Ata penso que quedaban moi
ben os das súas orixes. Claro que se hai algunha política metida no
asunto, aí xa non dou máis de min.
Finca
Fierro. Sábado, 21 de setembro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario