Nove
da noite. Contemplo o ordenador e penso. Pero non sei que pensar.
Quizais
na banda sonora de “O caso Slevin” ou no ruxerruxe do alieníxena
que aterrou nas Mestras. Penso que a sociedade vai de aquí para alá
porque, recoñezámolo, somos coma monicreques que nos deixamos
influenciar, coma monifates porque berramos cando nos din que
berremos, coma fantoches porque nos quedamos quietos. Quietos ante as
adversidades, ante as inxustizas, ante a ignominia, ante a
iniquidade. Penso que estou rebelde hoxe. Non sempre é bo ser coma
un boi de machado.
Ás veces cómpre ser codia de
pan. Nove
e cuarto da noite. Contemplo toda a trapallada que teño sobre a mesa
e penso que, ó mesmo tempo, fago moitas máis cousas que escribir.
Por exemplo, intento domar, amansar
a rebeldía que me asoma de cando en vez para estudar a forma de
comunicarme, con parsimonia e sen malos feitos, co alieníxena das
Mestras. Si, creo que a mellor solución vai estar en preparar un bo
discurso para lanzarllo a semana que vén desde o alto dunha das
mesas do merendeiro. Tamén estudo a opción de levar un tocadiscos
para poñerlle a Guadi Galego, por exemplo, ou a Bruce Springsteen.
Ata lle podo deixar caer un cacho dunha habanera da Coral Ansuíña
de Baños de Molgas. A ver, xa que o asunto se vai desenvolver nas
Mestras, que menos. Nove e media da noite. Deixo de pensar.
Finca
Fierro. Luns, 23 de setembro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario