lunes, 9 de septiembre de 2019

AS GALIÑAS DE CAMILO SESTO

Queren as galiñas que as empreñen os galos para deixar logo escapar os ovos polas barroncas de Barricobos. Logo, no relax da emoción, no descanso da felicidade cantarán a coro “vivir así é morrer de amor” en memoria de Camilo Sesto. Sempre haberá pitas que intentarán buscar o gozo entre o barullo dunha canción. Sempre haberá galos que baballarán por uns instantes de consolo. E ninguén, absolutamente ninguén será quen de prohibir unha ascensión ó ceo. Queren as galiñas furgar por entre os refugallos da aira do Pombal e peitear aqueles sacramentos que uns cantos paspáns deixaron caer desde os tempos da ignorancia.
Por entre as xestas do alto da Chaira asoma o ruxerruxe de “algo de min, algo de min vai morrendo” que Camilo Sesto compuxo un día no que alguén (tan só alguén) pensou que o galo da Sinda A Cachafeira estaba a violar a varias galiñas (non só a unha) de Ludivina A Parideira. Foi o propio raposo que pasaba sen querer o que tivo que testificar ante eses ignorantes ou incrédulos que non houbera tal violación, que a algarada fora consentida. Alguén sacou o asunto fóra de contexto. Se basta con ver ás pitas como se botan a correr pola planicie de Barricobos con dirección á Tapada Nova. E ás carreiriñas, Camilo Sesto di que “xamais, xamais” nos metamos coa felicidade dos demais, aínda que sexan animais.

Pizzaría Vivaldi da Valenzá. Luns, 9 de setembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario