jueves, 12 de septiembre de 2019

POLA COSTA LUGUESA

Cruzar Lugo desde Ourense leva o seu tempo. A provincia de Lugo é longa coma unha aguillada. Pero hai ocasións en que si paga a pena cruzala todiña. Por exemplo, para facer unha excursión ó Fociño do Porco, alá no concello de O Vicedo, bicando a ría de Viveiro. O lugar é bonito. É tan bonito que o seu percorrido fíxoseme máis curto do que aínda é. Oíra e lera de que había que andar abondo, de que había que subir e baixar moitos chanzos, pero estes non asustan a ninguén. A orografía do Fociño do Porco é tan espectacular que non sabes a que recanto atender ou a que recuncho retratar. Non obstante, a min o que realmente me impresionou era o son do mar durante todo o traxecto; esas ondas zoupándolle labazadas ás rochas, ese ir e vir da auga que hipnotiza. Hai un pequeno treito no que o ruído asoma pola dereita e pola esquerda que te obriga a parar para escoitar. Parei, escoitei e gravei.

Como o percorrido logo se fai e despois de xantar, alá o Pancracio nos levou ata a Praia das Catedrais, no concello de Ribadeo. Aínda que a marea non deixaba ver toda a fermosura do recinto e a maiores de que para visitala ben cómpre un permiso da Xunta, o paseo que hai pola súa marxe case é suficiente para facer o desvío desde O Vicedo. O esencial é o ruído do mar. E aquí tamén facía moito ruído, logo de deixar ver como as ondas rachan contra as rochas. Ás cinco non quedou outra que cruzar de novo Lugo.

Finca Fierro. Xoves, 12 de setembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario