jueves, 12 de septiembre de 2019

UN BO VARREDOR

Leva ese aceite tamén”, díxolle Erundina ó seu home Pancracio cando este saía da casa coa bolsa do lixo. Ó dicir aceite referíase á botella de Coca-Cola chea de aceite usado para a reciclaxe. A familia de Pancracia Saborido, o fillo do Paspallás, reciclaba moito. Aínda que máis dunha vez, el, quería reciclar certos pensamentos. Pero non había maneira! Quéirase que non, os pensamentos, coma os sentimentos, sempre están aí. Aínda que se metan no recuncho máis escuro da memoria, por unhas ou outras causas, acaban xurdindo. Ó mellor para amolar. Ó mellor para facer renacer a felicidade. Non se sabe.
O fillo do Paspallás saía da casa para tirar a bolsa do lixo no contedor verde e a botella de aceite no colector do aceite. E Pancracio Saborido non volveu para a casa, senón que tirou para adiante; xa que el cada vez que sae da casa é para tomar un café. Se sae para tirar o lixo, vai tomar un café. Se sae para mercar o pan, toma un café. Se sae para ler os xornais, toma un café. Pancracio sempre aproveita o tempo para facer varias cousas á vez. Estas viaxes si que non as recicla. Polo camiño fíxase na porcallada que deixa a xente e ó mesmo tempo analiza, estuda e divide os obxectos segundo a súa reciclaxe. Ás veces pensa que sería un bo varredor. “Que todo sexa polo ben da sociedade”, dixo para si. Sorriu e pegoulle unha patada a un bote de pementos morróns que estaba baleiro.

Pizzaría Vivaldi da Valenzá. Xoves, 12 de setembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario