O
esperpento político segue aí e aínda que a liga de fútbol volveu,
eu, estes días, teño que recoñecer que vivín moito máis
enfrascado no baloncesto e no ciclismo. Si, son moi deportivo,
gústanme todos os deportes, e que. Polo menos estes danme moitas
máis alegrías que cabreos, máis ansiedades que penas, máis
emocións que pesadumes.
O baloncesto. No
momento en que escribo estas liñas aínda non sei se España será
ou non será campioa
do mundo. No momento en que ledes estas liñas, ó mellor botamos de
contentos ou ó mellor temos aínda un certo sabor amargo na boca. Se
tan só acadamos a medalla de prata tamén un servidor notará ese
aquel de angustia. Pero tamén é verdade que me chega con analizar o
partido de España contra Australia, coas
súas dúas prórrogas incluídas, para
saber o que é unha auténtica tensión, un
puro sufrimento e un estouro de alegría. E se por un casual hoxe
temos a medalla de ouro, deixade voar a imaxinación para intuír o
que aconteceu onte ante unha televisión e logo de ver como o reloxo
marcaba o 00.00 do cuarto tempo.
O ciclismo. Se o
baloncesto me deu momentos de tensión, de sufrimento e de alegrías,
o ciclismo tan só me dá momentos de emoción. E non emoción polo
que poida acontecer, senón polo que aconteceu. Emoción de
emocionarme (de chorar, que volo hai que dicir todo) ó ver como
chegaba o ganador da etapa á meta. Aquí si que non me importa que o
deportista sexa estranxeiro ou doutro universo. Estou con el a morte!
O sábado mesmo, vendo ó esloveno Pogačar,
ata eu mesmo quería que lle sacase o
segundo posto da xeneral a Valverde, que é español e con todo o que
lle quero a Valverde. O esloveno, con tan só 20 anos, acadou tres
etapas (que se din moi axiña) e revolucionou a carreira o penúltimo
día e a propia clasificación xeral. Tampouco me importa que a Volta
a gane outro esloveno, Roglič
(espero que non acontecese nada raro onte), porque xa digo que, para
min, o ciclismo é o ciclista, sexa de onde sexa. Claro que quero que
gane un dos nosos! Pero se non o fai, non quedo desgustado, como me
pode acontecer ó mellor noutros deportes. Porque o ciclismo é
sacrificio, é vontade, é unha continua loita contra practicamente
todos os elementos. É
unha gozada!
Finca
Fierro. Sábado, 14 de setembro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario