jueves, 19 de septiembre de 2019

BERRANDO SENTIMENTOS

Senta nun penedo que hai á beira do camiño e contempla a vida pasar. Porque a vida pasa tal como flúe, como discorre a auga dun río, de calquera río. Tamén os pensamentos aboian mentres o sol se pon por detrás dun outeiro. Pensamentos que van e veñen por unha pel que latexa e súa ante unha ansiedade que está aí, que sempre estivo aí. E deita en silencio apegado a esa pel que o reconforta, que o fai xemer, que o eleva silandeiro por un desexo eterno. Olla o pardal que acocha por entre unhas toxeiras e vese melancólico ante unha ollada que lle lanzan desde unha foto. Debuxa un compás de espera nesa soidade que o aperta. E mentres un gaio voa para cruzar ese río calquera, voan os seus soños na procura dun tacto suave e húmido, na busca dun instante platónico, sentimental.
Berra por ese latexo que nota no seu peito e por esa sensación que lle chega de cando o berro queda en silencio. O home ergue do penedo e busca o horizonte para perderse entre os recunchos da memoria, de cando deixou caer un salouco por un saúdo ó outro lado do teléfono. Hai momentos nos que o home flota polo universo que non ten fin e acariña, aloumiña un corpo que o tenta e que o ve máis alá do desexo. Berra por ese momento que non chega. Berra por ese anhelo que o mata. Berro por ese silencio de estar á súa marxe. Berra por esa pel que súa, que queima, que cingue. Berra por ese xemido que ambiciona. Berra por ela.

Finca Fierro. Mércores, 18 de setembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario