viernes, 20 de septiembre de 2019

PERDIDO NO TEMPO

Xemen as gallas dos amieiros cando se rozan entre si e un lóstrego furga nun penedo coma se quixera buscar o punto vermello do inferno. Toda treboada ten o seu momento. Berra o gaio de tal forma que semella que remata o mundo e a páxina dun libro conta historias para que alguén intente soñar coa forza do vento sobre un viraventos ou sobre un bambán cheo de ilusións. Non todo corre na mesma dirección. Cae unha bágoa de alacrán sobre a antena dun saltón, mentres un astronauta contempla o ir e vir das ondas do mar, o ir e vir do centeo que se dobrega, que se cimbra, que se abanea. Quero voar sobre a congoxa dun pensamento. Quero sentir o agarimo dun neno. E quero quedar de pasmón ante a escala musical do silencio.
Corre un can polo lameiro abaixo e catro palleiros levan a cabo un baile nocturno na aira do concello. Bastará tan só un seitureiro para eliminar as matogueiras dunha novela barata. Non todas as novelas contan historias para envolverte ou para involucrarte nunha aventura. Menos mal que un simple sentimento xa é toda unha aventura, unha andaina. Intento cruzar o río Arnoia por onde é máis fondo. Afogo. A auga arrastra os recordos que foron e sepulta a inocencia do que fun. Pido que ninguén chore por min. Que nin tan sequera se me recorde. Porque todo o que fun quedará perdido no tempo. E o tempo, moitas veces, é efémero, pasaxeiro, curto, pasadío...

Pizzaría Vivaldi da Valenzá. Venres, 20 de setembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario