Chegados
a este momento de lectura do luns, 9 de setembro, podo comunicar e
comunícoche, lector,
que entrou o inverno. E
non polo tempo climatolóxico en si, senón porque remataron as
Novenas de Os Milagres. E cando rematan estas, chegou o inverno. Polo
menos para a contorna de Baños de Molgas e concellos limítrofes. A
partir de xa, en toda esta bisbarra
quedan os de sempre, é dicir, os do inverno. A partir de mediados de
agosto empezan a desfilar de vilas e aldeas os emigrantes espallados
polo mundo adiante, sexa nacional sexa estranxeiro. Aqueles ós que
lle podemos chamar xubilados, aínda aguantan ata que rematen as
Novenas. Rematadas estas, adeus moi boas. Quedan os do inverno.
Entrou o inverno. É certo que moitas veces case nos alegramos desta
chegada invernal ou deste remate peregrino, porque tanto barullo
durante boa parte do verán, cansa, molesta
e aburre. Pero ós poucos días, a verdade
é que botamos de menos a toda esa xente que nos deixou mamando unha
soidade que ninguén desexa. Ver as aldeas mortas é triste, moi
triste. Por iso
desexamos que volva axiña o verán e que dure ata rematar as Novenas
de Os Milagres.
Falando de
rematar. Esperemos que non remate, que non
desapareza, que non rebente Ourense. Seica
levamos 82 terremotos en 71 días. Máis dun tremor
de terra por día. Seguro que a culpa é da
auga da burga. Sorrío ante esta frase porque, en Baños de Molgas e
de rapaces, sempre andabamos a voltas con que nese lugar do río
Arnoia tiña que haber un volcán á forza, pois notar
a auga quente e ver as burbullas como
asomaban polo
leito non era un bo sinal. Tiñamos medo a
que estourase Baños de Molgas. Deixando a
anécdota de lado, confeso que no medio da semana si notei como se me
moveu o sofá cando estaba a ver unha película. Ó principio pensei
que fora algún dos meus que tocara na parede para dicirme algo (vexo
as películas cos auriculares), pero axiña pensei nos terremotos de
Cartelle. E digo Cartelle porque parece que de aí partiron xa uns
cantos. Pero vendo que agora as entrañas da terra tamén roxen por
Celanova e O Barco de Valdeorras, a ver se vai rebentar Ourense.
Finca
Fierro. Sábado, 7 de setembro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario