sábado, 21 de septiembre de 2019

O CONTO

Cando a parella chegou á altura da ponte que ían cruzar, Galez Galaico mirou ós ollos de Acacia Grega e díxolle que o día de mañá tiña que chegar. “Tamén o día de onte xa pasou”, acabou confesando. Acacia sorriu ante o gran descubrimento do seu amigo, pero non se quixo burlar del. Colleulle unha man e apertoulla. Galez Galaico púxose coma un tomate, mais non soubo arrincar. Cruzaron a ponte e agora foi Acacia Grega a que mirou ós ollos do amigos e confesoulle que esperaba ser feliz o día de mañá. O paspancillo de Galez non soubo coller a indirecta. A proba é tampouco soubo que dicir. Seguro que non entendeu nada.
Coñecía a Acacia desde hai anos e cada vez que se cruzaba con ela notaba un ruxerruxe no cerebro e uns golpes acelerados no peito. Non sabía por que. Ou si o sabía, pero intuía que esas apuradas nunca terían recompensa. Non obstante, detrás dunhas olladas chegaron uns sorrisos e, máis tarde, unhas palabras. O tempo foinos achegando. Acacia Grega, ó principio, nin se decataba de que alguén a miraba de esguello. Claro que despois, de tanta ollada e de tanto cruzamento, un ceo moito máis claro asomaba por enriba dos tellados. Agora, sentados xa ante un carballo, notaron como as mans estaban suadas a causa da intensidade con que as apertaban. Sen se decatar achegáronse os seus corpos e cando semellaba que se bicarían, Galez Galaico esbirrou, Acacia Grega riu e aí acabou o conto.

Finca Fierro. Sábado, 21 de setembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario