viernes, 7 de febrero de 2020

A FIN DO MUNDO

Quero rebentar a alma daqueles apaiolados que aseguran que nunca chegará a fin do mundo. Todo ten a súa fin. Na realidade tal fin xa hai tempo que se iniciou. E non estou a referirme ó tan nomeado cambio climático, se non a que si, a porque si. Porque o mundo rematará. Como remata todo. Estou nun futuro non moi afastado do pasado, pero lembro perfectamente o instante no que a bota italiana se desgarrou de Europa. Ó pouco, un cento de illas desapareceron e, por exemplo, a Península Ibérica xa vai na metade dos Pirineos rachando para separarse de Francia. Por certo, Estados Unidos e toda América, exceptuando o Machu Pichu, xa hai tempo que afogou nas augas do Pacífico e do Atlántico.
Segundo os estudos que realicei logo destas devastacións, cheguei á conclusión de que o derradeiro punto en desaparecer da face da Terra será (aínda que pareza mentira) o Outeiro do Corno, no monte Medo, en Baños de Molgas. Por iso xa hai semanas que vivo nel. Aínda albisco o Outeiro de Brandín e entrevexo os montes da Farria. Así, a ollo, penso que me quedan dúas ou tres ducias de anos para desaparecer eu tamén, para que chegue a fin do mundo. Outro por certo, sei seguro que serei o derradeiro ser vivo deste planeta que estoura, que se disolve, que se perde. Polo menos eu non vexo a ninguén en toda a contorna. Dáme a sensación de que xa estou só neste triste peregrinar cara á devastación dos tempos. Pero téñoo moi asimilado. Que carallo, finarei co meu Outeiro do Corno!

A Cervexaría de Maceda. Venres, 7 de febreiro de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario