sábado, 15 de febrero de 2020

COMO SOMOS!

Como somos! Uns odian o fútbol e a outros gústanos a rabiar. Levo tres días seguidos vendo fútbol: os dous primeiros partidos da ida das semifinais da Copa do Rei e o Deportivo-Girona da segunda división. A un ourensán que hai uns días asomou nos medios, non lle gusta o fútbol, pero non tivo ningún reparo en pedirlle un autorretrato a Zinedine Zidane, logo de que este lle dera por detrás co seu coche. Como somos! Se un paisano de a pé cometera o mesmo acto, estou por apostar que se baixaría con mala uva, que lle cuspiría catro cousas á cara e que lle entrarían incluso ansias de “saltarlle na aña”. Sempre fomos moi propensos a esgorxarnos e a chegar incluso ás mans cando, nun caso deses, o outro ten a culpa. Pero claro, ante Zinedine Zidane metemos o rabo entre as pernas e ensinamos un sorriso dentífrico. Como somos!
O asunto da paciencia en materia de tráfico hai que recoñecer que brilla pola súa ausencia, a non ser, claro está, que te atopes con Zidane. Como o que lle aconteceu hai uns días a un ansioso na Valenzá; que ante a tardanza dun coche dunha autoescola en arrincar, logo de esperar nun paso de peóns, non soubo facer outra cousa que dar sinais de vida, que chamar a atención a base de bucinazos. Coma se el nunca pasase por unha autoescola. Odio a eses que se desesperan ante o paso lento dunha persoa maior ou ante un novel condutor en prácticas. Son eses mesmos que sempre aceleran ou fan ruxir os motores ó entrar nas aldea e vilas, para presumir de máquina e de... condución? Como somos!

Finca Fierro. Venres, 14 de febreiro de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario