Durante
toda a semana pasada os papeis xornalísticos
e demais medios de comunicación amosaron
os quizais catro grandes asuntos que nos mantiveron á expectativa: o
coronavirus, que segue infestando o
planeta; o tema catalán, que
anda e non anda; a precampaña das
eleccións autonómicas galegas e o barullo existente
co ministro de Transportes, José Luis
Ábalos, a causa da aterraxe no aeroporto de Madrid
da vicepresidenta de Venezuela, Delcy Rodríguez. Pero a realidade,
incluso no propio lector dos papeis, dos xornais, estaba e aínda
está no Entroido. O Entroido, hai que recoñecelo, é por
antonomasia unha
festa demasiado sagrada para nós. Porque sempre foi nosa e porque
botamos moitos anos sen celebrala ou facéndoo ás agachadas. Tamén
é verdade que, agora, chamámoslle Entroido a calquera desfile. Pero
deixando isto (cada un que escolla o que queira e que se divirta
como poida), o Entroido é a festa perfecta para botar fóra esas
asaduras que no resto do ano mantemos pechadas, ás escuras... porque
nos dá vergonza amosalas ou porque non queremos que os demais saiban
como nos gustaría ser na realidade. Unha simple carauta que nos tape
a cara é suficiente para transformarnos, para
mudar de personalidade, para esbardallar
sobre o que sexa, incluso sobre aquilo do que non temos nin idea.
Sabendo que ninguén te coñece, atréveste a todo: a facer burradas
e a dicir auténticas trapalladas.
O noso presidente
da Xunta, sabendo que está no Entroido, tamén di e sabe dicir as
súas chafalladas ou argalladas. Como que “as cesións a Cataluña
e Euskadi son un insulto a Galicia”. Pois
si que ten razón e por iso é unha chafallada o que di. Porque nos
demostra que non valemos un carallo. Que non sabemos pedir. E non
sabemos pedir porque os dous grandes partidos da nosa Comunidade
están baixo a tutela dos de Madrid. Está máis que demostrado que
as Comunidades que conseguen algo é porque nelas gobernan os seus
propios partidos. Se aquí gobernaran os propios nosos, outro galo
cantaría. Aquí estamos máis polo
Entroido e despois, iso si, e a partir do 5
de abril, babexamos nos cafés. O
5 de abril votamos coma sempre e ó día seguinte agachamos a cabeza
e tiramos cara á adiante. Que viva o
Entroido!
Finca
Fierro. Sábado, 22 de febreiro de 2020
No hay comentarios:
Publicar un comentario