Unhas
veces, sete días dan para moito. Outras veces, unha semana non dá
para case nada. Pero
sempre, sempre hai algo, sempre pasa algo. Como cando na cerimonia de
apertura das Cortes españolas, pasaron ante a familia real os
ministros, deputados e demais politiquiños que nos representan.
Véndoos pasar
vin que en certos aspectos, en certos
feitos non cambiamos nada con respecto a
tempos pretéritos. No desfile apreciei esa vasalaxe pura e dura
daqueles tempos; coas típicas inclinacións de cabeza ou as
xenuflexións por parte das mulleres. Un desfile que lle custa os
seus cartos ó cidadán. E total só é para chocar mans e case
axeonllarse;
porque a reata de políticos é tan longa que nin tempo hai para
murmurarlle a alguén da familia real unhas palabras. Certo, para
que?; chega a xenuflexión para dicir “ós vosos pés, maxestades”.
Nunha
semana sempre pasa algo. O gran Donald Trump presentou un plan de paz
para a zona da Terra Santa e xusto unha semana despois a violencia
entre israelís e
palestinos disparouse de tal maneira que... Haberá que esperar, pero
isto empeza a cheirar mal. Trump é tan bo estratego
que seguro que mirou máis para o seu neno bonito que para os pobres
palestinos.
Sempre pasa algo.
Ata pola miña cabeza pasaron cousas horribles cando volvín ver o
outro día, pola segunda canle da TVE, a película “La lista de
Schindler”. Porque vendo o filme, déuseme por cambiar as tornas, é
dicir, se en vez de ver ós nazis colocamos así coma quen non quere
a cousa a VOX e se en vez de xudeus poñemos inmigrantes? Que
vos parece? Semella unha trapallada, pero
non a é. E coidadiño, que levamos un ritmo que ó mellor non tarda
en producirse ese horrible cambio. Mirade
que hai 80 anos que xa pasamos por iso; e
aínda hai cunetas que están cheas.
En sete días
sempre pasa algo. Ata en Ourense. O alcalde Jácome sabe que para que
se fale de Ourense (aínda que sexa mal), hai que facer cousas. Así
é que contrata a unha morea ou máis de asesores para que fagan algo
e para que, polo menos, sexa a provincia de Galicia que máis ten.
Como que o gasto por habitante case
quintuplica ó de Vigo, tendo este a tira e máis de xente.
Finca
Fierro. Sábado, 8 de febreiro de 2020
No hay comentarios:
Publicar un comentario