lunes, 24 de febrero de 2020

VISITA Á CIDADE

Odilo Riquelme Poseso ergueu cedo porque quería ir á cidade. Tiña ganas de ir á cidade. Preparouse coma tan só se prepara a xentiña das aldeas, é dicir, a base de ben, aínda que con présas. Odilo Riquelme ten todo o tempo do mundo, pero nestas cousas sempre se mete présa. El mesmo nin sabe por que, pero... A proba é que nin tan sequera almorzou. Pensou que se lle daba a fame, xa se metería en algún café. Colleu o seu cochiño barato e encamiñouno polas estradas que ían á capital. Polas pobres estradas, todo hai que dicilo. O cochiño é dos baratos pero ten o seu aparato musical ou radiofónico, que é o que realmente lle importa ó fillo da Pandorga, pois tan axiña como se subiu a el, meteu unha das cintas musicais que tiña na bandexa da porta esquerda e axiña cuspiu unha música galega con moito ritmo.
Odilo Riquelme ás veces seguía o ritmo da música co volante. Calquera que o vise pensaría que xa iría perdidiño. Pero o fillo do Garabato sabía por onde andaba; bebía pero nunca se emborrachaba. Chegou á capital nun santiamén; o santi para o traxecto e o amén para buscar aparcadoiro. Logo de atopalo, dispúxose a andar. Non tiña présa, pero cando vía un semáforo andaba ás carreiras. Miraba un escaparate, sorríalle á xente e de cando en vez moneaba coa cabeza, dando a entender que saudaba, e volta a mirar máis escaparates. Percorreu a cidade durante case dúas horas. Cando subiu de novo ó seu cochiño, agora tocáballe ás noticias. Nun alustro escoitou os titulares e puxo de novo música. Visita feita, pensou.

Finca Fierro. Luns, 24 de febreiro de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario