martes, 11 de febrero de 2020

FACENDO... ALGO ÚTIL?

Nove menos vinte da noite. Escoito a Jerry Goldsmith nun tema da banda sonora que compuxo para a película “Poltergeist”, do 1982. Xa choveu. Pero a música, coma a sétima arte, son imperecedoiras. Coma o tempo tamén. Xa ceei. Nós ceamos cedo. Así teño tempo de facer “algo útil” antes de me estomballar no sofá para ver a correspondente película nocturna. Hoxe creo que lle toca a “O val de Elah”. Digo creo, porque non sería a primeira vez que cambio de parecer nun credo. O de facer “algo útil” vai sobre fochicar nas redes sociais e, ó mesmo tempo que escoito música, escribir un Pingas para este xornal. Estou a facelo. Certo, a utilidade deixa moito que dicir. Pasaron cinco minutos xustos da hora que anunciei ó principio. E o tema de Goldsmith segue. Porque é longo. Hai temas de, por exemplo, dez minutos e hai temas de un e pico. Mirade por onde, xa rematou.
É agora Serrat con “Menos o teu ventre”, que sacou dun poema de Miguel Hernández. Cando empecei a escribir, a muller tiña a televisión co maldito “Sálvame” ese, e ponme enfermo. O programa e, tamén, a propia muller por ver esas trapalladas. Menos mal que xa hai un cachiño que marchou para a habitación. Ó facelo, claro, xa apagou a tele da cociña porque sabe que odio ese esperpento amarelo. Nove menos cinco da noite. Xa escoitei outro tema dunha tal Leona Lewis, que nin idea de quen é. Sempre recoñecín que quedei estancado na música dos 80 para atrás. Pero si, non está nada mal esta muller cantando o tema “Bleeding Love”.

Finca Fierro. Martes, 11 de febreiro de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario