lunes, 10 de febrero de 2020

DÁSEME POLAS ANDAINAS

Sempre se fala de que as xubilacións amolan, incomodan bastante porque o xubilado, ás veces e de socato, non sabe que facer. Axiña fará un ano que me xubilei e preciso de máis tempo. Este non me chega a nada, entre lecturas e escrituras. E agora, para máis aquel, dáseme polas andainas. Andainas longas, que non son paseos de retirado. O pasado luns, día 10, realicei unha de dezaseis quilómetros e medio, nun tempo de tres horas e cinco minutos. De Maceda marchei ata o santuario dos Milagres. Fotos a Vixueses e a Foncuberta. Nesta aldea e ó ver a muiñeira, os recordos enchéronme dun forte sentimento; porque, de rapaz, cruzabamos polo Muíño da Luz e o monte de Almoite coas saquetas de millo e pan no lombo dos burros para levar, logo, a fariña. Nos Milagres, os recordos xa son outra historia contada moitas veces. De Os Milagres collín camiño de Vide. Á altura da Chaira contemplei a pista de despegue e aterraxe das avionetas, e baixando xa para Vide repuxen un chisco as forzas cun pequeno bocadillo que levaba no peto da cazadora. Por certo, a cazadora xa facía moito tempo que a desabrochara. Fotos de Vide. Fotos das Batocas. Fotos da carreira de Vazcovaz e dos Carrís. Porque, por aí, xa todo era coñecido, familiar. Xa estaba no meu Baños de Molgas, do que tampouco vou dicir nada que non se saiba xa. Camiño xa de Maceda, na Follateira, foi onde empecei a notar que os adutores empezaban a queixarse. Non obstante, cheguei san e salvo. Aínda que, iso si, hai que empezar a acurtar as andainas.

Finca Fierro. Luns, 10 de febreiro de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario