miércoles, 5 de febrero de 2020

ANDEI, DO VERBO ANDAR

Andei quilómetros a darlle cun sacho. Pola mañá, realicei, en Maceda, unha andaina ós Penedos da Moura de case ou sen case 15 quilómetros. Pola tarde, andei, lendo, durante dúas horas por dúas pistas de Maceda. Cando cheguei á casa, andei uns 15 ou 20 minutos, tamén lendo, pola cociña. E xa por último andei desde A Farixa ata o Parque de San Lázaro, e volta para A Farixa, mentres facía tempo para que Alán saíse dunha autoescola. Tamén é certo que, agora mesmo, véxome no papel de Sylvester Stallone: “non sinto as pernas”.
Sobre a andaina ós Penenedos da Moura direi que o traxecto, en algúns lugares, estaba complicado a causa do bulleiro e, faltaría máis, botei en falta en certos cruces unha mellor sinalización. Menos mal que a min sempre me funcionou ben aquilo da intuición, ou sexa, de “a ollo”. Os meus rapaces xa saben que sempre me perdo (cando se nos dá por saír de vacacións algún ano), pero sempre chego ó meu destino. E sigo dicindo que moitas das perdas son por malas sinalizacións. Si as rutas estiveran ben sinalizadas, non habería que preguntarlle a ninguén ou consultar mapas e máis mapas. Xa que estamos co asunto da sinalización, direi que tamén me atopei con cruces de estradas nos que tiven que adiviñar para onde coller se quería ir a tal ou cal aldea. Como así mesmo cheguei a algunha aldea que adiviñei cal era por unha consulta anterior nos mapas (ou por intuición, claro). Resumindo: que no rural a sinalización moitas veces brilla pola súa ausencia. Non obstante, para a semana que vén seguirei a perderme por aí; a andar, do verbo andar.

Finca Fierro. Mércores, 5 de febreiro de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario