Un
vai e outro vén. Inglaterra
marchou xa da Comunidade Europea e o coronavirus vén do cabo do
mundo. Dúas calamidades que poden ir moito máis alá da propia
traxedia. Aínda que semelle que o do brexit non é para tanto, ó
mellor si, ó mellor é máis grave do que se pensa; tanto para os
propios ingleses coma para o resto dos europeos. Con
respecto ó coronavirus de Wuhan, que dicir... xa empeza a espallarse
coma unha peste ou epidemia
universal. A proba é que a Organización Mundial da Saúde (OMS) xa
declarou a emerxencia sanitaria internacional. E
ante isto, asoma con forza o peor virus do
mundo: o do medo. Este si que vai dar
traballo e traer calamidades. O medo
vólvenos cegos e irracionais.
Falando
de calamidades, estamos a pagar o pato, a
pagar a desfeita (nunca mellor dito) da
borrasca Gloria. Sabendo como sabemos que as forzas da natureza son
imprevisibles, nós, o ser humano, nin caso. Por exemplo, a Lei de
Costas pasámola polo forro, polo arco da vella. E os concellos,
Comunidades e Estado abren a boca de pasmo ante as cores do arco
iris, con tal de non tomar medidas para non poñerse
a mal con ninguén. E deixan edificar á
beiriña mesmo do mar e dos acantilados.
Para que todo sexa máis bonito. E as Confederacións Hidrográficas
fanche a vida imposible por talar un amieiro á beira dos ríos, ó
mesmo tempo que miran ó biés ou de esguello cando alguén constrúe
pegadiño ó río. Agora botamos unha man á cabeza e outra á
faldriqueira para
pagar esas subvencións que axudarán a levantar todo de novo. No
mesmo sitio, por suposto. Para que dentro duns anos (ou simplemente
duns meses) volva a natureza a chamarnos
parvos de remate ou burros fariñeiros. É igual; mentres alguén
solte a pita por detrás, as súas vistas estarán no mellor lugar.
Estamos a gastar
un diñeiral
desde o día 23 buscando a uns iluminados que se lles deu por botarse
ó mar estando este como estaba. Claro que, agora, é para desconfiar
que se botaran para realizar as
súas chafalladas
sobre o narcotráfico. Ante isto, é triste, pero case é normal que
te esquezas deses seis mariñeiros que desapareceron. Agora, sabendo
o que se sabe, non queda outra que dicir:
eles mesmos o buscaron.
Finca
Fierro. Sábado, 1 de febreiro de 2020
No hay comentarios:
Publicar un comentario