Hai
hoxe oito días espertamos coa nova do adianto das eleccións
autonómicas de
Galicia e do País Vasco para o día 5 de abril.
E aínda que as campañas electorais teñen
unha duración de tan só quince días, todos sabemos que este mesmo
día 11 xa se
iniciou a loita para intentar subirse á poltrona. Ou sexa, case dous
meses de dálle que dálle con truques e
retruques, con moitas promesas e máis
mentiras aínda. Sabémolo e, de todas as maneiras, dámoslles
toda a nosa confianza. Dado que
somos bos de corazón. Aínda que, logo, axiña critiquemos as súas
accións. Porque nos mentiron ou porque erramos nós. Penso máis que
erramos nós. Xa que
o das mentiras, repito, xa o sabemos. Normal
que sigamos tropezando na mesma pedra unha e outra vez. Así quedamos
esnafrados moitas veces.
Como
en todas as eleccións que foron e en todas as que virán, ó
principio sempre semella que haberá cambios. Porque uns e outros
empezan con tanta forza que ven ós demais moi débiles. Logo, o
pobo, pon a cada un no seu sitio. E sabemos que o pobo é soberano.
Aínda que se equivoque. Que se equivoca tamén. Na
nosa Comunidade, moito. Pero aínda así, segue a ser soberano.
Se
na política ás veces (ou case sempre) descubrimos a ineptitude
ou maldade duns
cantos, no deporte, no fútbol sucede o
mesmo, pero cos espectadores. “É moi
triste ir só ós partidos porque non queres que a túa familia ou a
túa parella vivan iso e escoiten o que che din”. Palabras fortes,
demasiado tristes, que impresionan dun árbitro galego. Pero é a
realidade de cada fin de semana. Por exemplo, na fin de semana
pasada, no partido de xuvenís entre o Velle e o Seixalvo un árbitro
retírase chorando polos insultos dun pai. A verdade é que non sei
como lle chamo pai. Se fora un auténtico pai debería saber que o
árbitro podía ser seu fillo. Ou que se imaxinase por un momento que
tales insultos se dirixisen ó fillo que lle estaba alí xogando. Esa
persoa non é un pai; é un simple energúmeno que non ten nin idea
do que significa o fútbol, ou
calquera deporte. Deberiamos erradicar xa
iso de que imos ós estadios para desafogar. Se un quere desafogar,
que colla un sacho e se poña a cavar.
Finca
Fierro. Sábado, 15 de febreiro de 2020
No hay comentarios:
Publicar un comentario