martes, 12 de julio de 2022

AS CARREIRAS

O aire semella que queima. Nunca sentira tal. Hai que estar tolos para saír. Saín. Poida que non estea ben avisado, pero... Pero, que demo, medo ningún. A nada. Como moito a min mesmo. E a min mesmo, xa se ve... tiro para adiante. Sempre para adiante. Porque tamén é certo que sei coller aqueles camiños libres de atrancos, de contratempos. De rapaz percorrín moitas carreiras e sei calas son as boas e as malas. As carreiras eran máis bonitas cos camiños, antes. Tamén máis bonitas que as pistas e estradas, agora. E iso que había carreiras ben mal feitas, ben incómodas, cheas de penedos e auga, pero... Pero por iso de que eran incómodas xa as sabía de memoria e xa buscaba outra opción para as transitar.


O aire semella que queima. Queima pero non abrasa. Claro que para iso daban 42 graos ou máis. A sensación é de moito máis. Aí sobre os 48. Ou máis. Para que notedes que é unha esaxeración. Esaxerar de cando en vez é bo. É como darlle máis empaque, máis toque, máis forza ó asunto ou materia. Por exemplo, tamén podo dicir que se agora mesmo escacho dous ovos de galiña sobre o capó dun coche, podo prometer e prometo que se friten.

O aire semella que queima e acepto que é unha toleira andar a estas horas pola rúa. Pero, cometida xa tal toleada, non queda outra que seguir. Seguir pola estrada, polo atallo e pola rúa. Como boto de menos, aquí, na Valenzá, unha bonita carreira como as de Baños de Molgas.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 12 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario