sábado, 30 de julio de 2022

O GAVELAS

Secundino Serrano, O Gavelas, quixo bailar sobre a tumba dun camaleón vermello. Non puido. O que estaba enterrado era un camaleón verde. E non bailando, O Gavelas empezou a sentirse mal. Era home de acción e quedar de golpe sen saber que facer, non o asimilaba nada ben. Quixo patexar sobre outras tumbas pero, segundo era nervioso, tamén era un home moi respectuoso. Sempre lle tivo un certo respecto ós defuntos, aínda que fosen animais diversos ou bichos varios. O camaleón vermello era un caso á parte. Levaba uns días detrás del porque, de vivo, ensinoulle a lingua con desprezo. Ese xesto, ó Gavelas, non lle gustou.


Secundino Serrano Suárez (S ó cubo, tamén lle dicían ás veces) tiña os seus anos e nacera nunha aldea ó outro lado do río. Chamarlle río é un dicir; máis ben é un regato. Pero como é o único que hai, clasificándoo como río dálle máis señorío, máis distinción. É tan pequeniño que, ó cruzalo, nin ten que goldrar, chégalle con dar un pequeno salto. Para os que non conseguen choutar ben, unha pedra grande no medio e medio, válelles de pasal ou pasadoiro.

O Gavelas era só e, para máis aquel, solteiro. Algo do que presumía bastante, pois dicía que así ninguén mandaba nel, que facía e desfacía ó seu antollo e que vivía coma Deus. Vivía era certo que vivía. Dedicábase a buscar niños polas poulas e matogueiras da súa aldea e, por suposto, a tumba do camaleón vermello. Para bailar sobre ela.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 29 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario