viernes, 29 de julio de 2022

NAS ÚLTIMAS

Vai calor pero estou á sombra. E estou sobre un caderno de follas brancas, aberto, enriba dunha mesa. Son a barra do bolígrafo do escritor que escribe. El empezou a escribir moi lixeiro, moi contento, mesmo sen esperar a que lle trouxeran o café, sen saber que estou nas últimas. Que estou a piques de expirar. Que estou agonizando. O peor de todo isto é que me acabo de fixar no seu peito e non ten barra de reposto. Digo o peito porque por aí cae o peto da camisa e está baleiro. Algo raro no escritor que escribe. Moi raro. É deses provisores que non quere quedar a velas vir. Sempre trae unha barra ou un bolígrafo de reposto consigo. E traíaa. Pero hai uns días que, ó poñer un polo deses, e non tendo petos, deixou a tal barra no caixón da mesa de noite ou mesa de cabeceira.


Non sei se conseguirei completar este parágrafo que inicio, pois noto como escorregan as derradeiras pingas de tinta azul. Paréceme a min que vai ter que botar man do dono do café para que lle empreste un bolígrafo. Xa hai uns anos tivera que facer o mesmo noutro café polo detalle ese dos polos. Aquel ano a vantaxe foi que o do café agasallouno co bolígrafo que lle emprestara. O escritor que escribe espremeuno ata que tamén agonizou.

Son xa outra barra doutro bolígrafo. Porque pasou o que contou a miña ex compañeira: que morreu definitivamente e o escritor que escribe tivo que botar man dun préstamo. Por certo, un desagradecido o escritor que escribe; que tirou a barra de mala maneira. Co que lle reportara, a pobre. Menos mal que a min me vai devolver.


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 28 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario