jueves, 28 de julio de 2022

O GRAN CANÓN DO COLORADO

Desde rapaz sempre me dixen que algún día visitaría o Gran Canón do Colorado. O outro día marchei para alá e crucei o charco, é dicir, o Atlántico en avión. Porque en barco pensei na maldita película “Titanic” e botoume para atrás. Tamén case se me deu por cruzalo a nado, mais tiven medo de afogar. O dito: fíxeno en avión.


Cando cheguei ó país ese no que da bandeira fan un mundo e das armas unhas masacres, púxenme ó camiño. Entoo o mea culpa porque non estudara ben o traxecto e o caso foi que axiña me perdín e botei tempo en atopar o canón. Non obstante, atopeino. Por certo, sempre me perdo en todas as viaxes que emprendo, pero sempre chego ó destino.

Alí estaba o Gran Canón. Inmenso. Impresionante. Fermoso. Tiña que cruzar ó outro lado. Medín a distancia a ollo. Xa teño confesado que “a ollo” é a medida máis exacta que existe. Uns 20 metros, centímetro arriba centímetro abaixo. O récord de salto de lonxitude creo que está en 8,95, ou sexa que... Pero segundo quixen cruzar o Atlántico a nado, malo será que non consiga choutar eses 20 metros. E iso que non son atleta nin nada. Tan só algo esaxerado, pero nada máis.

Púxenme en posición, botei a correr a velocidade de cruceiro e xusto cando collía impulso para choutar vin e notei como unha serpe de cascabel me mordía nunha perna. Iso distraeume de tal maneira que, indo polo aire, souben que non o conseguiría. Vin e notei como caía ó baleiro. Alá foi o Chito do Baño ó carallo!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 28 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario